You can replace this text by going to "Layout" and then "Page Elements" section. Edit " About "

viernes, 15 de enero de 2016

A Mal Tempo, Boa Cara!

Todos sabemos que a bicicleta é a que nos fai chegar a tempo a todas partes, pero o tempo pode tamén causar problemas, falamos do tempo climatolóxico.
Para os que queiran seguir usando a bicicleta independentemente das condicións atmosféricas fixémolos seguintes consellos:
  • A Bici. As bicicletas non pasan a ITV, temos que procurar mantelas un mínimo. Botar unha ollada ao estado dos cables dos freos, pastillas de freo e as cubertas. Tamén é importante revisala presión das rodas e mantela cadea limpa e engraxada. É moi recomendable ter garda barros en calquera época do ano. Legalmente temos que levar luces,  é un aspecto fundamental da nosa seguridade. Teñen que ser unha luz branca diante e outra atrás, ámbalas dúas fixas (non intermitentes). Tamén é obrigatorio ter catadióptricos; un branco adiante e vermello non triangular atrás. Podemos reforzala nosa visibilidade con outros elementos como luces intermitentes, catadióptricos nas rodas e nos pedais, etc... En caso de malas condicións de visibilidade hai que levar unha prenda reflectinte (poden ser guantes, perneiras, poncho, mochila, tiras...). Unha norma redundante e imprecisa xa que as bicicletas xa dispoñen deles e máis as urbanas, pero así é a lei.
  • O Frío. Este é o inimigo máis fácil de combater, calquera capa ventilada que nos poñamos axuda, sendo importante protexela gorxa, as mans e a cabeza, que normalmente fican desprotexidas coa nosa roupa habitual.
  • A Calor. Faise ao revés que o frío, quitando roupa, pero sen pasarse pois é importante protexerse do sol. Normalmente a roupa de rúa que levamos un día de calor vai sela é axeitada sen necesitar unha axuda adicional, excepto posibles elementos de protección como guantes, e é recomendable tamén protexela cara cunha viseira e os ollos con gafas axeitadas.
  • O Vento. Aparte do maior esforzo físico, o problema principal do vento ven cando combina coa chuvia. En caso de vento recomendamos ir máis amodo e levar roupa axustada ao corpo.
  • A Chuvia. En Compostela disque non se colle a bici pola chuvia. Nós collémola igual, a chuvia é inconveniente pero non impide á bici. Con chuvia aumentan os atascos e neles a bicicleta é a raíña. Dependendo do tempo hai varias alternativas:
    • Traxe de augas. Un bo traxe de augas sobre a roupa permite que chegues seco á casa, ou ao traballo. O pantalón impermeable é o mais práctico e efectivo cando chove moito e de lado como aquí. Pode ser o típico traxe de augas de traballo ou un pantalón e chaqueta. Se levas unha chaqueta para a chuvia (por exemplo unha técnica de goretex, podes complementar só cun pantalón de auga, que pode ser de andaina, de bicicleta) e que impedirá que molles o pantalón.
      Pantalón de augas

    • Poncho: Sen vento o poncho é unha das ferramentas máis interesantes para a chuvia. Funcionan como un paraugas. Normalmente ocupan pouco espazo e protexen todo o corpo á vez que favorecen a ventilación corporal. Os específicos de bicicleta custan uns 40€ e teñen visores laterais e fixacións para o corpo e o manillar. Pero con vento, como acontece moitas veces no noso clima, o pantalón de augas axudará a evitar mollalas pernas
      Poncho
      Poncho recollido

    • Guantes: Os guantes son moi importantes como protección contra o frío e a chuvia, en caso de caída evitan moitos roces. Se podes en inverno usa guantes impermeables para a chuvia.

    • Outros elementos: As viseiras protexen dos raios do sol e tamén da chuvia nos ollos. Máscaras, bufandas e bragas protexen a cara e as orellas. As gafas evitan que nos entre po nos ollos. Fundas de asento e para a carga protexen tamén da chuvia.
      Funda de sillín
      máscara e braga
      Bicicleta protexida
  • A circulación. 
    En todo caso, para sentirse cómodo usando a bici na cidade, o mais importante non son as condicións externas (meteoroloxía, costas, tráfico,...) senón as propias da ciclista e, aínda que as condicións físicas axudan, a mais importante é a propia motivación. Estes consellos xorden da experiencia.
    • Faite ver: Luces, roupa clara ou reflectante, zona visible da calzada,... Ninguén quere ter un accidente, pero as veces somos pouco visibles e  moito mais lentos que os coches.
    • Faite notar: Moitas veces non chega con que te vexan, moitos condutores levan moitos sustos por non estar afeitos aos ciclistas.
    • Ocupa o teu carril, ou en todo caso a 1 metro de distancia da beirarrúa, o que nos permitirá un pequeno marxe de manobra. Andar pola dereita pegado á beirarrúa é moi perigoso xa que nos convertemos en invisibles, tropezamos con todos os buracos e os condutores teñen a sensación de que poden pasar sen invadir o carril contrario poñéndonos en perigo.
    • Se o tramo polo que pasas ten un só carril, é preferible ocupar a parte esquerda pois é a mais próxima aos condutores e logras que teñan unha mellor percepción de ti e manteñan unha maior distancia de separación.
    • Escoita o tráfico: cando nos movemos a nosa vista percibe mellor os movementos que os detalles e mirar atrás nos desequilibra, por iso é importante escoitar o tráfico para coñecer a velocidade e incluso a intención dos vehículos que se nos aproximan por detrás.
    • Sé empático cos condutores, moitos ciclousuarios o somos tamén, se entendes as súa percepción do tráfico podes predicir mellor o seu comportamento e adaptar o teu. Temos dereito a usar o carril igual que calquera outro vehículo, pero ás veces pegarse algo á dereita para deixar adiantar facilita a convivencia e a percepción que teñen os condutores de nós.
    • Transmite a túa inseguridade para lograr a empatía do condutor. Uns movementos de volante á vez que un balanceo acompañando á pedalada provocan unha instantánea redución de velocidade e mantemento de maior distancia no coche que está a piques de te adiantar.
    • Cando te aproximes a un semáforo vermello non fiques entre os coches pois cando arranques os teus movementos serán mais lentos e oscilantes e eles terán como referencia aos vehículos diante de ti o que provocará tensión sobre ti. É preferible adiantarse ata o semáforo pasando  aos coches que estean parados, para arrancar incluso xusto antes de que se poña en verde.
    • Ante unha situación de tensión ou agresión, mantén a calma e defende os teus dereitos con educación. A lei está da nosa parte.
    • Nas rotondas non circules no marxe externo do carril dereito, deste xeito moitos condutores terán a tentación de saír da rotonda cruzando a túa traxectoria. Sitúate no medio do carril o incluso algo a esquerda do mesmo para evitar, no posible, as manobras perigosas de saída da rotonda dos vehículos a motor. Na entrada da rotonda si estás a dereita do vehículo que quere incorporarse seguramente non te verá. Colócate no medio do carril ou a esquerda do mesmo para asegurar a túa visibilidade.
    • Con mal tempo, controla a freada evitando o uso predominante do freo dianteiro, a posibilidade de derrapes, e reducir a velocidade. Ter especial coidado ao pasar sobre pintura mollada que é esvaradía, sobre zonas con auga xa que pode haber buracos ocultos .
    • As luces, aínda que non obrigatorias na cidade durante o día, son mais importantes con chuvia, néboa, e outras inclemencias que reducen a visibilidade.


IMPORTANTE: QUE FACER EN CASO ACCIDENTE
  • En caso de accidente debes chamar a policía ou ben aos servizos de emerxencia (112) especialmente se pensas que estás ferido. Non movas a bici nin permitas que o outro vehículo se mova da súa posición ata que chegue o equipo de atestados. Se estás en condicións toma fotos da posición dos vehículos na rúa. Intenta conseguir a identificación dalgunha testemuña por se fose necesario. Se o condutor e o seu seguro faise cargo dos danos, leva a túa bici o teu taller habitual para o peritaxe. En caso de danos a terceiros e se es socio de Composcleta contacta con nós inmediatamente para usalo seguro da Asociación.

email

email

Buscar

Grupo en Facebook

Twitter

Videos Composcleta Santiago